Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Lousame saca a licitación a reforma integral da piscina municipal por 163.000 euros


 

As obras inclúen a impermeabilización do vaso, a instalación dun novo pavimento e a ampliación da zona de praia

O Concello de Lousame vén de sacar a licitación por procedemento aberto e ordinario a reforma integral da piscina municipal por un importe de 163.777,48 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses. As empresas interesadas en participar na licitación teñen ata o vindeiro 24 de febreiro para presentar as súas ofertas no Concello de Lousame.

O concelleiro de Deportes, Jesús Martínez Castro, explica que “a actuación permitirá unha reforma integral da piscina municipal, comezando por impermeabilizar o vaso da piscina para evitar fugas de auga e reparar as instalacións da sala de máquinas, e seguindo coa colocación dun novo pavimento e arranxos na zona das duchas e na carpintería interior, que nos viñan reclamando os veciños e veciñas de Lousame”.

Así, o proxecto inclúe a substitución do sumidoiro do vaso por outro novo con rexilla de plástico e a revisión e selado de inxectores do vaso da piscina. Ademais, procederase á impermeabilización do vaso da piscina cunha membrana antiesvarante e á instalación dun novo pavimento para todo o exterior. Este novo solo, feito en soleira de formigón armado sobre encachado de pedra granítica, substituirá ao actual, que se atopa nun deficiente estado debido ao seu uso. Finalmente, contémplase a ampliación da zona de praia da piscina en 4 metros.

Na sala de máquinas está prevista a colocación dunha nova electrobomba centrífuga, dun novo caudalímetro electromagnético, dunha nova sonda a nivel e dun novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos para o vaso da instalación. Así mesmo, instalarase unha nova fontanería na sala de bombas, un novo cadro eléctrico e dous novos reguladores do pH e do cloro da auga piscina.

Na parte eléctrica, o proxecto inclúe a colocación dunha rede eléctrica de distribución interior da sala de máquinas, a substitución do alumeado da zona de vestiarios e unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias de tecnoloxía LED. “Deixarase prevista unha canalización en tubería de PVC para a instalación dos paneis solares que está previsto instalar cara a sala de bombas”, adianta Jesús Martínez.

No resto da instalación está previsto actuar sobre a carpintería e as paredes, ás que se lles aplicarán tratamentos protectores (insecticida, funxicida e termicida) e antihumidades, así como dúas mans de pintura. As obras están incluídas no Plan Complementario do Plan Único 2019.